Tuesday 07 de May de 2024

A Pobra efectuará unha acción encamiñada ao control da especie exótica do plumeiro


A campaña pobrense de voluntariado Agora é o momento! achega unha acción para o día 28 de agosto consistente no control da especie exótica invasora Cortaderia selloana, comunmente coñecida como penacho ou plumeiro.

Impulsada polas concellarías do Medio Ambiente e do Voluntariado, das cales son titulares Genoveva Hermo (Nós Pobra) e José Andrés Lojo (Nós Pobra), respectivamente, procederase coa corta das inflorescencias desta planta para diminuír así a dispersión da gran cantidade de sementes que producen e, en consecuencia, a aparición de novos exemplares.

A actuación focalizarase na contorna do núcleo urbano, en horario de 10.00 a 13.00 horas, e comezarase polas pistas situadas fronte á casa da cultura Raquel Fernández Soler.

O Concello proporcionará o material pertinente para a realización do referido labor, contando co apoio da Protección civil igual ca noutras ocasións.

Requírese a inscrición previa obrigatoria antes do día 25 de agosto a través do teléfono de contacto 981832764, opción 1, ou do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. Resultará preciso cubrir un formulario de rexistro e un convenio de colaboración, así como a entrega dunha foto de carné, para que a Administración local poida tramita-la alta no seguro, o cal non suporá ningún custo para as e os solicitantes.